CRTVG

Buscar

O BNG presenta 170 propostas para a comisión de reactivación e acusa o PPdeG de boicoteala

Publicado o 04/06/2021 16:46

O BNG rexistrou este venres 170 propostas para a comisión de reactivación económica, social e cultural de Galicia que leva “meses paralizada” despois de que botara a andar o pasado setembro co obxectivo de que os traballos finalizasen antes do mes de xaneiro de 2021.

En conferencia de prensa, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentou as propostas da súa formación fronte á intención do PPdeG de “boicotear” esta comisión do mesmo xeito que fixo coa comisión de investigación das caixas de aforro, “nun claro intento de anular o Parlamento”.

“Tanto o PP como o goberno da Xunta utilizaron esta comisión como unha pantalla, como un simulacro porque a súa oferta de diálogo nunca foi sincera como demostra o feito de que apenas reservan migallas do orzamento para os proxectos da comisión e que nove meses despois da súa constitución non se avanzou nada”, denunciou a líder do Bloque.

Neste sentido, censurou que máis dun ano despois do inicio da crise da Covid en Galicia non existe “un plan de país para enfrontar a reactivación” por culpa dun “PP que actúa con opacidade e pretende que os fondos cheguen ás grandes empresas ignorando as pequenas e medianas empresas”.

Fronte á estratexia da Xunta, o BNG rexistrou este paquete de propostas a curto, medio e longo prazo “transformadoras para un novo modelo económico verde baseado na ciencia e na investigación, que fomente a creación de emprego, favoreza o equilibrio ambiental e a igualdade de xénero”, explicou.

Segundo debullou, as medidas recollidas no ditame aglutinan ao redor de cinco grandes propostas de actuación: servizos públicos, intervención pública na economía, reorientación do modelo produtivo en base á I+D+i, estratexia ambiental e dixital e igualdade e dereitos sociais.

 

Noticias web

04/06/2021