O BNG pide que a Xunta entre no consello de administración de Navantia
O Bloque Nacionalista Galego reclamou no Congreso que se impulse a diversificación de actividades nos estaleiros de Navantia Ferrol. Néstor Rego reclamou a fin do veto á construción civil, que se dote de máis recursos á fabrica de turbinas e que se promova carga de traballo en áreas como a enerxía eólica mariña ou a reparación naval.
Ademais, o deputado nacionalista pediulle ao Goberno que permita a entrada da Xunta no consello de administración da empresa pública. Néstor Rego cre que "a participación do Goberno galego no consello de administración de Navantia podería facilitar que a Xunta de Galicia participase tamén económicamente na definición e mesmo no financiamento de proxectos que se poidan considerar estratéxicos dentro do ámbito da construción naval".