CRTVG

Buscar

O BNG pide unha xestión "integramente pública" das residencias de maiores

Publicado o 26/04/2021 13:31

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, anunciou a intención da súa formación de presentar na Cámara galega dúas proposta para aplicar un "cambio radical" no modelo galego de residencias de maiores cara unha xestión "integramente pública".

"Imos levar ao Parlamento unha dobre proposta: que as sete residencias proxectadas nas cidades galegas se xestionen dende o ámbito público; e que as residencias públicas que agora están subcontratadas pasen, ao remate dos contratos, á xestión directa das administracións públicas", dixo en declaracións aos medios ás portas da residencia privada DomusVi de San Lázaro, en Santiago de Compostela.

"Somos realistas e sabemos que non é posible reverter o actual modelo dun día para outro, pero que haxa moito traballo por diante, non significa que non se poida facer. E unha das ensinanzas da pandemia é que non se pode deixar o coidado das persoas maiores nin en mans de empresas que buscan o lucro, nin en mans de entidades caritativas", subliñou Pontón.

Cambio de modelo

A líder do BNG lamentou que a Xunta non aprendera "nada" durante a crise da covid e continúe defendendo a "privatización" deste sector, malia que a pandemia puxo de manifesto as "deficiencias do modelo de residencias".

Ao seu xuízo, é urxente cambiar o modelo actual, sustentado no "negocio puro e duro" ou de "caridade asistencial". Segundo criticou, as residencias están controladas por fondos de capital que operan dende paraísos fiscais ou están controladas por entidades vinculadas á Igrexa católica.

Neste sentido, Pontón pediu apoio para as peticións do BNG porque sería "inmoral" que despois do sucedido na pandemia se siga con este modelo ou leven a cabo "simples cambios cosméticos".