CRTVG

Buscar

O BNG pedirá no Congreso "suspender a concesión" da AP-9

Publicado o 24/09/2021 16:08
EP

O BNG avanzou que levará ao Congreso unha serie de iniciativas co obxectivo de "suspender a concesión" da AP-9 a Audasa, despois de que a UE declarara ilegais as súas sucesivas prórrogas ata 2048 e decidise emprender accións xurídicas. O obxectivo é que a autoestrada pase a estar "libre de peaxes".

Así o explicou o deputado do Bloque na Cámara Baixa, Néstor Rego, quen nunha conferecencia de prensa celebrada este venres no Parlamento galego tachou de "absolutamente escandaloso e coñecido" o que determinou esta semana a UE pola forma coas que se outorgaron as prórrogas. "Houbo actuacións que discriminaron o noso país", subliñou, á vez que lembrou como outras infraestruturas da mesma xeración da AP-9 finalizaron as súas concesións e estas "non foron prorrogadas".

No caso da Autoestrada do Atlántico, Rego cargou tanto contra a prórroga de 10 anos aprobada polo Goberno de Felipe González como contra a de 25 anos que acordou José María Aznar. De non producirse estas operacións, a concesión "acabaría en 2013", recalcou o deputado nacionalista. Por tanto, trátase "dun saqueo ilegal a todos os galegos e galegas, que levamos pagado xa oito anos o que non teriamos que pagar". 

A UE considera que é ilegal pola forma das devanditas prórrogas, pero Rego instou as institucións comunitarias a que "profunden máis". Así mesmo, o deputado do BNG no Congreso lembrou que hai unha lei en trámite nesta cámara co obxectivo de que sexa "de titularidade galega".

Noticias web

24/09/2021