CRTVG

Buscar

O BNG e o PSdeG piden explicacións pola lentitude do Sergas na vacinación

Publicado o 05/04/2021 14:30

O primeiro luns tras as vacacións de Semana Santa, os voceiros dos grupos da oposición, o BNG e o PSdeG, empregaron as súas comparecencias públicas para criticar a lentitude do Sergas na campaña de inmunización.

Lamentan que, a estas alturas, só o 31 % de persoas maiores de 80 anos recibiran a pauta completa da vacina, cando consideran que debería ser un "colectivo prioritario" en Galicia.

Ademais, ambos os dous líderes pídenlle ao presidente da Xunta que explique por que aínda non se administrou o 24 % das doses recibidas no primeiro trimestre do ano.

A voceira do BNG asegura que a campaña de vacinación estivo marcada polo "escurantismo e a propaganda", que non "cumpre cos obxectivos marcados" e que existen "desigualdades" en función da área sanitaria.

Comparecencia de Núñez Feijóo

Segundo anunciou, o seu grupo vai solicitar a comparecencia de Alberto Núñez Feijóo no vindeiro pleno ao estaren "moi preocupados" polo feito de que Galicia estea á cola na vacinación. Reclámalle "información detallada" das razóns do que está a pasar. "Para o BNG, non é razoable que teñamos máis do 30 % de maiores de 80 sen recibir a primeira dose", subliña.

Do mesmo xeito, pediu poñer fin á "opacidade" que impide coñecer o ritmo de vacinación noutros colectivos, como o sanitario ou o da docencia.

Reforzo do sistema sanitario

Na mesma liña, o líder dos socialistas galegos pediu un reforzo do sistema sanitario público que permita avanzar na campaña de vacinación logo de que os datos oficiais amosaran "carencias" no plan de Galicia.

Para Gonzalo Caballero, os datos que sitúan a comunidade á cola da administración de vacinas pon de manifesto "as bravuras e falacias por parte do Goberno autonómico e do presidente da Xunta" que dicían estar preparados para inmunizar a toda a poboación en oito semanas.

"Despois de tantos anuncios do presidente Feijóo", topámonos con que Galicia está entre as comunidades "con peor xestión e que menos foron capaces de vacinar os maiores".

Considera que é "hora de ser responsables e recoñecer que o sistema pode mellorar cun reforzo de persoal" para o que, segundo dixo, a Xunta contará co apoio dos socialistas.

Ampliación do toque de queda

Por outra banda, Gonzalo Caballero avogou por estudar a posibilidade de ampliar o toque de queda en Galicia ata as 23.00 horas "se a situación sanitaria o permite". Estima que a primavera e o avance da vacinación permiten estendelo para realizar diversas actividades como pasear ou facer deporte.

Puy cre "puntual" algún atraso

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, destacou a capacidade de Galicia para vacinar a gran número de persoas cando dispón das vacinas e atribuíu calquera atraso "puntual e circunstancial" nos maiores de 80 anos á falta de doses fornecidas polo Goberno central.

Na conferencia de prensa tras a reunión semanal do grupo parlamentario, rexeitou os "debates un pouco estériles" da oposición neste sentido e reclamoulles un "mínimo de seriedade" porque cre que a xestión da pandemia por parte da Xunta é "satisfactoria, razoable e positiva", en función da taxa de mortalidade por cen mil habitantes.

Tamén asegurou que o Goberno galego está a dar "todas as explicacións respecto diso" e, en concreto, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, faio de maneira "permanente".