CRTVG

Buscar

O BNG absterase na votación da prórroga do estado de alarma

Publicado o 05/05/2020 12:02

• A formación nacionalista pide que se consensúe un plan galego de desconfinamento

• Aposta pola comarca como unidade de xestión da desescalada en Galicia

O BNG absterase na votación da prórroga do estado de alarma

O BNG anuncia a súa abstención na votación deste mércores do Congreso sobre a solicitude dunha nova prórroga do estado e alarma, e pide que o Goberno rectifique para que en Galicia a unidade de xestión da desescalada sexa a comarca.

A formación nacionalista explica que "vai manter a actitude construtiva que veu mostrando desde o inicio desta crise sanitaria, polo que non se oporá a unha nova prórroga".

Con todo, o BNG advirte: "Non podemos avalar unha liña de acción en que o Goberno español persiste a pesar de que se evidenciou como profundamente equivocada, polo que nos imos abster".

Nun comunicado, o Bloque censura como "inadecuado e eficaz" o "proceso de centralización" do estado de alarma, "que supón decidir todo desde Madrid con criterios uniformes sen tomar en consideración as característica e condicións de cada país".

O BNG considera un "despropósito" que o Goberno estableza a provincia como ámbito de xestión, e propón a comarca, "que responde a unha realidade xeográfica, económica e de relación social ben perceptible e moito máis adecuada que a provincia".

Por iso, o Bloque reclama que o Goberno rectifique e restaure as competencias autonómicas para elaborar un "plan galego de desconfinamento progresivo adaptado ás necesidades do noso país e consensuado no Parlamento entre todas as forzas políticas".

Así mesmo, entende que se debe elaborar un plan de recuperación económica e social específico para Galicia.