O Cunqueiro garda mostras de máis de 600 doentes onde buscan os enigmas da covid
A covid segue sendo un reto para os científicos, que se esforzan por coñecer mellor a enfermidade. Nesas investigacións está sendo clave o biobanco do hospital Álvaro Cunqueiro, de Vigo, que almacena unhas 15.000 mostras extraídas de pacientes, dunhas 600 persoas que pasaron a covid.
Están conxeladas a menos 80 graos. Son as mostras nasais e farínxeas que se usan nas PCR e tamén de sangue, soro e plasma. E collidas en distintas fases: cando os doentes estaban máis graves e despois xa recuperados. Para ver así como o corpo reacciona e se defende ante a enfermidade.
O hospital cede as mostras de covid aos investigadores que as solicitan, estudando previamente cada proxecto.
A colección de covid é a máis recente, pero neste biobanco tamén se almacenan mostras doutras enfermidades como tumores ou esclerose. E destaca tamén o banco de cerebros, un dos cinco primeiros que houbo en España.