CRTVG

Buscar

O Betis e o Valencia asinaron táboas no Villamarín na ida das semifinais de Copa

Publicado o 08/02/2019 09:03

Crítica da razón pura ou crítica da razón práctica. Autocrítica 'kantiana' dos béticos para entender como puideron empatar un partido en que chegaron a levar unha vantaxe de dous goles conseguidos en dous fogonazos de fronteira. O primeiro na raia do descanso nunha xogada que parte do balón quieto dun córner. Canales acaba poñendo a pelota na área chica, Sidnei reconduce o coiro ao campo e Loren marca a pracer de cabeza.

Deixou facer a defensa do Valencia e o Betis non perdoa nos regalos. O segundo dos sevillanos chegaría unha vez superada a alfándega do descanso; nada máis volver ao xogo unha xenialidade do Joaquín fai vibrar o Benito Villamarín que xa se vía na final alí mesmo. O VAR actúa con inusitada celeridade e o que o ollo non ve cáptao á perfección o gran irmán catódico; cazado Jaume Doménech metendo a man por tras da liña no medio da incredulidade xeral polo gol olímpico de Joaquín e polo dous a cero no partido.

Sen nada xa que perder, Marcelino tocou a tecla exacta da pianola dos cambios e a entrada de Gameiro, xuto tralo dous a cero, meteu o encontro noutra fase. Velaí o lexionario francés collendo a banda para el e enroscando o coiro a pé feito para evitar a Sidnei, pero chegando puntual o coiro ao remate de Cherysev, que viña pelexando con Junior.

Arranxaban en parte a eliminatoria os chés, pero aínda habería máis. Primeiro Cherysev avisa para o segundo cunha cabezada á madeira previo centro temperado de Gameiro que estaba facendo estragos nas liñas defensivas dos da casa. O francés acabaría marcando o empate, xa sobre o desconto, dominando agora o carreiro central e recibindo un pase brutal de Rodrigo nun contragolpe maestro do Valencia. Heroe Gameiro, e dous goles a domicilio que poñen os valencianistas de favoritos despois de estar practicamente fóra da copa durante tres cuartas partes do encontro.      

 

Noticias web

08/02/2019