O belén electrónico de Begonte abriu as súas portas ao público
O belén electrónico de Begonte, considerado un dos máis emblemáticos do país, acaba de abrir as súa portas ao público. Nos seus 60 metros cadrados de superficie hai arredor dun cento de figuras, das cales máis da metade están articuladas e son móbiles. Como principais novidades, este ano incorporáronse un grupo que representa a malla e outra peza dun home a cortar leña, e tamén se engadiu un templo inspirado na igrexa parroquial da vila. No seu conxunto, no nacemento pódense ollar os distintos oficios tradicionais durante un ciclo de día e noite que dura un cuarto de hora.
Jesús Domínguez, párroco de Begonte: "As que teñen movemento serán unhas 50. Por exemplo está o muíño, o carpinteiro, o oleiro, o traballo de lavar a roupa, de mallar, de cortar leña ou os nenos que están xogando."
O que é o principal atractivo turístico de Begonte cumpre 48 anos. Na última edición, o belén foi visitado por unhas 40.000 persoas, en boa medida alumnos de centros de ensino de toda Galicia. Para darlles cabida a tantos milleiros de visitantes e mellorar a accesibilidade, nas últimas semanas a Xunta e o Concello ampliaron o espazo que se encontra en diante do nacemento.
Jesús Domínguez, párroco de Begonte: "A pesar dos 48 anos, a xente está aumentando. Senten como vergonza de non o vir visitar todos os anos, non só polas figuras, senón porque sempre queda algún detalles, pois en quince minutos non se contemplan todos os detalles. Así que calculamos que por aquí xa pasaron máis dun millón de persoas."
O belén de Begonte poderá ser visitado durante case dous meses, ata finais de xaneiro.