CRTVG

Buscar

O BCE mantén a compra de débeda e os tipos de xuro no 0% e mellora as súas previsións

Publicado o 10/09/2020 21:08

O Banco Central Europeo (BCE) mantivo este xoves o volume de compras de débeda e os tipos de xuro no 0 % e esperará a ver o impacto da pandemia na economía da zona do euro, tras a repunta dos contaxios no verán en países como España e Francia. A presidenta do BCE, Christine Lagarde, recoñeceu na conferencia de prensa tras a reunión do Consello de Goberno que existen diverxencias na recuperación económica da rexión dependendo de como foron afectados os países pola pandemia.

Lagarde espera que o programa de recuperación europeo axude os países que foron máis golpeados pola COVID-19 e dixo que a flexibilidade do actual programa de compras de débeda de emerxencia do BCE é unha ferramenta que usaron para axudar.

Lagarde afirmou que o Consello de Goberno discutiu a recente "apreciación do euro", pero que non teñen un obxectivo de tipo de cambio, senón que o mandato do BCE é "a estabilidade de prezos".  Antes da conferencia de prensa e de que o BCE comunicase anteriormente que mantén os tipos de interese e o volume de compras de débeda. O BCE conta co problema do tipo de cambio, xa que o euro pasou desde os seus mínimos do mes de marzo de 1,06 a 1,20 dólares na última semana, pero non parece excesivamente preocupado.

A forte apreciación do euro é negativa para a zona euro xa que fai menos competitivas as súas exportacións e tamén diminúe o valor das importacións, o que prexudica o crecemento e impide que repunte a inflación precisamente nun momento de crise. O BCE esperará a ver o impacto da pandemia na economía da zona do euro antes de volver decidir se aplicar máis estímulos.

Lagarde dixo que os últimos datos suxiren "unha forte repunta da actividade económica" en liña coas expectativas anteriores, aínda que "o nivel da actividade económica se sitúa moi por baixo dos niveis anteriores á pandemia de coronavirus". Este optimismo reflíctese na revisión á alza das súas proxeccións de crecemento, aínda que este ano se vai producir unha forte recesión.

O BCE mellorou a súa previsión de contracción económica da zona do euro para este ano ata o 8 %, fronte ao 8,7 % que prognosticara en xuño. Agora tamén prevé un crecemento do 5 % en 2021 (+5,2 % previsto en xuño) e do 3,2 % en 2022 (+3,3 %). O BCE prognostica tamén unha inflación do 0,3 % en 2020 (0,3 % prognosticado en xuño), do 1 % en 2021 (0,8 %) e do 1,3 % en 2022 (1,3 %). 

Noticias web

10/09/2020