CRTVG

Buscar

O Básquet Coruña, disposto a sentenciar a eliminatoria en Oviedo

Publicado o 24/05/2021 21:09

O Leyma Basquet Coruña está a unha vitoria de pasar á seguinte rolda. Gañoulle o venres en Riazor ao Oviedo e toca agora visita ao Pumarín, unha pista ata o de agora inaccesible para os herculinos.

"Eu creo que é unha proba de madurez do equipo ser quen de ir a unha pista complicada como é a do Oviedo a conseguirmos unha vitoria", asegura Sergio García, adestrador herculino.

O primeiro partido amosou a igualdade entre os dous conxuntos. O último esforzo laranxa foi o que decidiu o encontro. Agora o Oviedo entra contra as cordas, unha derrota déixaos fóra, por iso o técnico coruñés agarda "que eles leven a iniciativa por xogarmos no seu campo, que sexan un pouco máis agresivos e temos que estar preparados. Polo ambiente que se xera alí parciais de 4 ou 6 puntos parecen insalvables e hai que ser quen de manter a cabeza fría, estar todo o rato no partido e aproveitar o noso momento".

O Leyma Basquet Coruña ten vantaxe na serie e sabe que de ser preciso xogarían o partido de desempate novamente en Riazor o venres pero Sergio García só pensa na vitoria: "A nosa mentalidade ten que ser que non hai outro partido que non sexa o do martes. Nós temos que ir a Oviedo coa mentalidade de querermos gañar alí e para nós non existe o hipotético terceiro partido".

Noticias web

24/05/2021