CRTVG

Buscar

O Básquet Coruña, a asaltar a pista do Granada para seguir buscando o ascenso

Publicado o 08/06/2021 20:34

O Leyma Basquet Coruña ergue a cabeza tras a decepción. Perdeu a primeira oportunidade para chegar á final polo ascenso. Caeu na casa e agora ten que viaxar a Granada. Pero o equipo non ten dúbidas. "Somos positivos xa a día de hoxe, ambiciosos e temos que pensar se conseguimos gañar alí hai uns días por que non imos volver repetilo?", explica Sergio García, adestrador herculino. "Eles ao mellor están coa ánimo máis arriba, crendo que poden, pero nós tamén estamos enfadados, picados e temos orgullo e penso que vai ser un partido moi bonito", adianta Javi Vega.

Os coruñeses saben xa o que é asaltar pistas complicadas. Na anterior eliminatoria gañaron no inexpugnable Pumarín de Oviedo. E no primeiro partido desta semifinal sorprenderon o seu rival en Granada. O Basquet Coruña está afeito a desafiar o factor cancha. "Demostramos que se xogamos cos nosos sinais de identidade que son a defensa e o nivel físico alto gañamos gran parte dos partidos que xogariamos contra eles", apunta o aleiro laranxa.

A traxectoria do Basquet Coruña foi excelente pero Sergio García non quere facer aínda balance, a temporada non rematou: "Estamos nunhas semifinais, vimos do cuarto posto da liga regular, xogando contra o primeiro, chegamos ao terceiro partido con opcións, eu penso que é para estarmos moi satisfeitos, pero agora o que temos que pensar é que non vai rematar o mércores, temos que ir gañar"

Noticias web

08/06/2021