O barco apresado con cocaína viaxa escoltado cara a Vigo a onde se agarda que chegue o luns
• Leva 2.500 quilos de cocaína procedente de Suramérica
• Pretendía chegar a Galicia e foi interceptado nos Azores
Golpe ao tráfico de cocaína. O luns agárdase que chegue ao porto de Vigo un pesqueiro interceptado en mar aberto, nos Azores, con 2.500 quilos desta droga. O barco foi apresado esta semana pola patrulleira FULMAR do Servizo de Vixilancia Aduanaria. A cocaína tiña como destino Galicia. Neste momento, a embarcación viaxa escoltada e con sete detidos a bordo. Ao parecer, algúns deles son galegos.
O luns, logo da chegada do barco ao porto vigués, agárdase coñecer máis datos desta operación antidrogra iniciada a instancias da Axencia Tributaria e que contou con colaboración internacional. Trátase do segundo comiso presuntamente relacionado con narcotráfico galego desenvolvido nos últimos 15 días. Hai dúas semanas a Policía Nacional interceptaba o Apolo I ao norte de Cabo Verde.