CRTVG

Buscar

O Barcelona despide o 2019 como líder da Primeira

Publicado o 21/12/2019 19:17

O Barcelona despide o ano como líder da Primeira tras un partido que comezou sendo un monólogo culé pero que puido torcerse na segunda metade. Dominaron os de Valverde os primeiros compases do encontro, sen apenas oposición nin na presión nin na recuperación do balón. Messi avisaba no minuto 9 cun gol anulado por fóra de xogo. Pero ía ser Griezmann quen puxese os azulgrá por diante tras un gran centro de Luis Suárez.
Custáballe ao Alavés superar o centro do campo. A primeira aproximación dos de Garitano chegou aos 27 minutos pero Wakaso esvarou ao intentar o disparo. A falta de perigosidade animou o Barcelona que tivo o segundo neste xogadón que Griezmann e Messi armaron nunha contra e que Piqué non culminou. Viuno máis claro Arturo Vidal minutos despois. O chileno asinaba cun disparo cruzado a acción que Messi construíra na frontal da área.


E como nun guión tantas veces repetido, o Barça completou a súa desconexión á volta dos vestiarios. A complacencia dos locais activou o Alavés que no minuto 55 recortaba distancias cunha gran testarada de Pere Pons. Apertaban os vascos aproveitando a inoperancia dos cataláns. Tivo Duarte o empate nos pés cando o partido parecía cambiar de rumbo. Ata que apareceu o de sempre, o 10, cun gol tantas veces visto e co que devolveu o partido ao punto de inicio. Décimo terceiro tanto de Messi esta temporada, anticipo do definitivo, o que Suárez ía asinar dende os once metros tras errar o uruguaio un remate de cabeza e apreciar o VAR unha man de Aguirregabiria na área.


Nada mellor que unha vitoria para superar a resaca do clásico. O Barcelona conserva a primera praza e a imbatibildiade na casa este 2019.

Noticias web

21/12/2019