CRTVG

Buscar

O Barcelona cae con estrépito ante un gran PSG por 1-4

Publicado o 17/02/2021 13:01

Europa pon a cada un no seu sitio e o Barça de Koeman foi degradado futbolisticamente polo test de aptitude dun París Saint Germain de a cabalo de Mbappe. Icardi avisa diante de Ter Stegen e Pedri salva de últimas.

A sorte quixo que o Barcelona marcara primeiro. Carreira de De Jong dentro da área e caída que o árbitro castiga con penalti. Lanza Messi e un a cero para o Barcelona. A partir de aí, desfeita defensiva culé. Koeman arriscou con Piqué, parado tres meses, e con Lenglet como relevo obrigado dun Umtiti moi sinalado. Mbappé recibe de Verrati e baila aos centrais rematando a porta para facer o empate.

Co un a un no marcador o segundo tempo desatou un trebón de xogo do PSG con Ter Stegen mantendo a flote, a duras penas, ao equipo. O gol era cousa de minutos: pase xenial de Paredes para a chegada de Florenzi que entrega ao carozo da área. Tenta o despexamento Piqué, que regala a Mbappé para un remate a pracer.

O resto foi un poema. Un verso endecasílabo do París con rima asonante de Mbappé contra ripio de Ter Stegen que encaixaba en solitario como o boxeador tocado. O terceiro para Kean que remata de cabeza totalmente ceibo un pase enrolado de Verratti ao segundo pau con eloxio da cegueira culé.

O Barça xa era un cromo, un estafermo para recibir golpes e maís golpes. Mbappé non tivo piedade e suma o seu terceiro da noite a cinco minutos do final con pase de Drexler ao seu flanco por onde a figura parisiense entraba a cano libre. Gol pola escuadra e derrota maior para un Barça de mínimos en parámetros Champions.

Noticias web

17/02/2021