O Banco Europeo de Investimentos concede un préstamo de 45 millóns a Hipra para desenvolver a primeira vacina española
A Unión Europea financia con 45 millóns de euros a investigación dunha vacina española contra a covid. É o tratamento da farmacéutica catalá Hipra, quen espera poñelo en circulación o vindeiro ano.
Os cartos chegarán dun empréstito do Banco Europeo de Investimentos, para financiar a investigación e o desenvolvemento científico desta vacina e poñela en circulación no 2022. Os 45 millóns de euros son o segundo préstamo que recibe Hipra do BEI. E tamén se dedicarán a aumentar a súa capacidade de produción.
O tratamento de Hipra é diferente aos de Pfizer ou Moderna. Baséase en proteínas das variantes do virus da Covid para xerar unha resposta inmunolóxica, sería sinxela de conservar e transportar. A farmacéutica catalá xa a ensaia en persoas. De ter éxito, Hipra presentará os resultados ante a Axencia Europea do Medicamento para comercializala.