CRTVG

Buscar

O Banco de España recorta ao 6 % a súa previsión de crecemento en 2021

Publicado o 23/03/2021 13:39
O Banco de España recorta ao 6 % a súa previsión de crecemento en 2021

O Banco de España recortou a súa previsión de crecemento económico para 2021 ata o 6 % no escenario central, oito décimas menos da calculada en decembro, debido a unha menor fortaleza da actividade no curto prazo.

Segundo as proxeccións macroeconómicas da economía española (2021-2023) publicadas este martes polo supervisor bancario, tras un primeiro semestre débil, a actividade acelerará na segunda metade do ano, vinculada aos avances no proceso de vacinación e a implementación de proxectos ligados aos fondos europeos.

Este dinamismo do PIB do segundo semestre de 2021 dará lugar a un "potente efecto arrastre" en 2022, cun crecemento económico previsto do 5,3 % (1,1 puntos por encima da previsión anterior), que se moderará ao 1,7 % en 2023 (igual ao prognosticado en decembro).

O director xeral de Economía e Estatística do Banco de España, Óscar Arce, explicou na presentación destas proxeccións que a reactivación deste ano vai ir "de menos a máis" e que parte dos fondos europeos que se esperaban gastar en 2021 finalmente desembolsaranse en 2022.