O Banco de España pide actuar axiña para evitar unha vaga de quebras

O Banco de España pide que se implementen de xeito áxil as medidas de apoio á solvencia empresarial, aprobadas recentemente polo Executivo, para evitar unha vaga de quebras polos problemas de liquidez que seguen tendo as compañías máis afectadas pola pandemia.
No seu informe anual publicado este xoves, o organismo supervisor reitera que os avais do Instituto de Crédito Oficial (ICO) foron efectivos ata o momento pero a persistencia da crise aumentou a vulnerabilidade financeira das empresas, o que supón ademais un risco para a recuperación económica.
O sobreendebedamento destas compañías limita o crecemento do investimento, o que podería frear o avance do PIB, aumentar o risco de bancarrota, de destrución de emprego e de tecido produtivo. Ademais, en situacións extremas, existiría a posibilidade de provocar unha contracción da oferta de crédito.
Coa fin de mitigar todos estes prexuízos , a institución que preside Pablo Hernández de Cos recomenda aplicar de xieto "áxil e flexible" as recentes medidas de apoio á solvencia empresarial, que sumaban 11.000 millóns, dos que 7.000 chegaban como axudas directas, 3.000 para reestruturar débedas e os 1.000 restantes para recapitalizacións.
O Banco de España suxire tamén que estas cantidades se asignen de xeito diferente, de seren necesario,e avoga por complementalas con outras accións de fomento das recapitalizacións privadas.
En paralelo, ve necesario mellorar a reestruturaciónsde débedas, que pasa por revisar os mecanismos preconcursais e o papel dos acredores públicos, ademais de deseñar solucións concursais específicas para sociedades de dimensión reducida.
Falta de liquidez
A porcentaxe de empresas con falta de liquidez medrou case 13 puntos porcentuais en 2020, o que se traduciu nunhas necesidades de 67.000 millóns de euros; máis da metade non se podían cubrir cos colchóns de capital e unha parte importante estaba en empresas con risco de crédito elevado.
Por iso, o Banco de España salienta o papel dos avais do ICO, que permitiron aumentar o crédito, con maior intensidade nos sectores máis afectados pola pandemia, clave para capear os primeiros meses da crise e permitir que as empresas, no seu conxunto, afronten 2021 nunha situación máis favorable.
Con todo, as necesidades de liquidez das empresas máis afectadas aínda poden ser relativamente elevadas en 2021 e algunhas compañías poderían consumir en 2020 unha parte dos seus colchóns de liquidez. Por tanto, o Banco de España insiste en que haberá que seguir de preto a evolución das condicións da oferta crediticia.
O organismo xa advertira que a finais de 2020 as entidades españolas tiñan un volume de préstamo de 82.000 millóns de euros en "vixilancia especial", é dicir, cunha maior probabilidade de convertérense en morosas ca o resto das que están ao corrente de pago.