CRTVG

Buscar

O Banco de España avoga por manter os ERTE e a liquidez para impulsar a recuperación económica

Publicado o 23/06/2020 11:27

O Banco de España aprecia xa "danos estruturais" na economía española por culpa da pandemia. Calcula que para cando remate este segundo trimestre, España perderá entre un 16 e un 22 por cento da riqueza. O gobernador da entidade compareceu no Congreso. Pediu consenso para abordar reformas, e amosouse partidario de prorrogar os ERTE.

Pablo Hernández de Cos, gobernador do Banco de España, avogou por "manter os ERTE e asegurar os mecanismos de flexibilidade para as empresas".

O Banco de España apoia o ingreso mínimo vital, pero pide seguimento rigoroso

Hernández de Cos tamén, apoiou a aprobación do ingreso mínimo vital (IMV) porque reducirá a pobreza extrema de colectivos con máis dificultade para atopar emprego, pero avogou por un seguimiento e avaliación rigoroso da medida.

Hernández de Cos comparece na Comisión para a Reconstrución Social e Económica do Congreso para explicar as liñas estratéxicas que deben adoptarse para afrontar a crise económica xerada polo coronavirus e resaltou que a desigualdade que motivou é superior ao nivel do anterior ciclo expansivo.

"O recientemente aprobado ingreso mínimo vital (IMV) a escala estatal podería contribuír, en coordinación coas políticas autonómicas preexistentes, a reducir o nivel de pobreza extrema de colectivos con especiais dificultades de inserción no mercado laboral", recalcou, á vez que incidiu en que resultará fundamental como se aplique esta medida.

Sinalou que terá que vir acompañada dun seguimiento continuo e rigoroso do seu funcionamento, do seu custo e do grado de consecución dos obxectivos perseguidos.

Hernández de Cos considerou que convén vixiar estreitamente a posibilidade de que este instrumento, ao ser unha transferencia permanente, poida acabar orixinando algúns efectos indeseados sobre a capacidade futura dos beneficiarios de xerar ingresos laborais.

Ademais, valorou que o IMV permita manter de forma temporal, polo menos, unha parte da axuda unha vez que o beneficiario atopa traballo.

Advertiu de que outro posible efecto indesexado que merecerá un seguimento e control especial é que a medida provoque un desprazamento dalgunhas actividades económicas a sectores informais.

O gobernador do Banco de España tamén se referiu ao endurecemento das condicións de acceso ao mercado da vivenda en alugueiro e aconsellou analizar as experiencias doutros países onde as autoridades públicas impulsaron a oferta dispoñible de inmobles en alugueiro, en ocasións, de xeito directo e, noutras, por medio de mecanismos baseados en incentivos fiscais.

Destacou a medida de combinar garantías públicas con incentivos fiscais sobre o sector privado promotor de vivenda en alugueiro para favorecer o acceso, en condicións máis vantaxosas ca as ofrecidas no mercado libre.

Con todo, en canto á medida de intervir no control dos prezos precisou que non foi efectiva para atallar o problema de insuficiencia da oferta de alugueiro de xeito duradeiro.

"Aínda que as limitacións de prezos poden ser útiles para aliviar a sobrecarga do alugueiro sobre o gasto dos fogares que residen en inmobles regulados, esta medida non impulsa o necesario incremento da oferta para absorber o aumento da demanda e, dese modo, conter a dinámica dos prezos a medio prazo", precisou.