CRTVG

Buscar

O Banco de Alimentos de Santiago, baixo mínimos e con máis necesitados que atender

Publicado o 08/10/2020 13:44

Chamada de auxilio desde o Banco de Alimentos de Santiago pola escaseza de recursos e o aumento da demanda a causa da crise sanitaria. Actualmente atenden unhas 6.000 persoas en toda a bisbarra de Compostela, unhas mil máis que o ano pasado, e as reservas de alimentos básicos están xa baixo mínimos. Precisan leite, galletas, cereais, conservas e produtos de hixiene.

Ángela Vergara, responsable do Banco de Alimentos de Santiago, non perde o sorriso á fronte dun minguado equipo de voluntarios que tivo que duplicar esforzos desde o inicio da pandemia. A crise sanitaria provocou un notable aumento da demanda de axuda. 

A maioría dos palés de alimentos básicos que teñen arestora na nave do polígono do Tambre proceden dos fondos europeos. Pero só poden entregárllelos ás entidades que cumpren os requisitos, entre eles o de ter un asistente social. Así que a maioría de entidades sociais ás que lles reparten axuda dependen da despensa propia do banco de alimentos, que son as doazóns de particulares e empresas. E esas estanterías están case baleiras. Precisan con urxencia doazóns de alimentos básicos.

A campaña máis importante do ano é a Gran Recollida de Novembro, que lles permite encher os almacens e abastecer as familias durante máis de medio ano. Pero desta volta, por mor da crise sanitaria, non haberá colectores nin voluntarios nos supermercados recollendo as doazóns de alimentos dos clientes.

Mentres non chega a campaña, quen o desexe sempre pode achegarse á sede no polígono do Tambre e facer a súa contribución.

Noticias web

08/10/2020