CRTVG

Buscar

O balance do furtivismo en Cabo de Cruz reflicte máis de cinco toneladas de marisco comisadas e 600 denuncias

Publicado o 31/12/2020 15:15

Nesta época de balance do ano vello e propósitos para o novo, as contas dos gardas rurais da confraría de Cabo de Cruz son ben avultadas. Non quitan ollo da costa, porque ao longo do 2020 case non tiveron un día de descanso.

"Andaremos preto de 5.500 quilos ata hoxe, un total de 600 denuncias, e en cada denuncia pode haber tres denunciados porque van xuntos, ou sexa un total de 800 persoas denunciadas", di un dos gardas.

Esta mesma semana presentaban a última denuncia tras as ameazas dun furtivo ao que sorprenden día tras día esquilmando a praia. Os vixilantes conseguiron interceptar varias ducias de quilos de ameixa estes últimos días, en que o incremento de prezos do Nadal semella que alentou aínda máis os ilegais. Aquí nin peches perimetrais nin restricións horarias conseguiron confinalos.

"Mesmo se incrementou en determinados puntos o nivel de furtivismo", din os vixilantes, que confirman que estas datas son fundamentais para eles porque os que non queren pagar máis polas ameixas mércanllelas a eles.

E parella ao incremento da actividade furtiva medra tamén a agresividade dos que a practican. Os insultos e as ameazas aos vixilantes son constantes, mesmo con armas e conatos de agresión.

Noticias web

31/12/2020