O avogado dos Peinados nega que tivesen intención de formar unha guerrilla para facerlle fronte á policía
Os detidos na operación Peine, desenvolvida o pasado 21 de outubro no campamento dos Peinados, en Ferrol, non tiñan intención de formar unha guerrilla para enfrontarse coa policía, segundo explica o seu avogado.
"Négase non só que tivesen intención, senón que nin sequera pensasen na posibilidade de formar unha guerrilla...", di o avogado Mario Sánchez Trigo.
Sánchez Trigo manifestou tamén que os seus representados non opuxeron a máis mínima resistencia á intervención policial.
Pola súa banda, a policía incidiu o día en que deu a rolda de prensa para dar os detalles desta operación na dificultade maior do operativo pola presenza das armas e o chaleco antibalas.
"Todo era dentro das vivendas, e iso supuxo unha gran dificultade para nós...", explica Jorge Rubal, comisario xefe de Ferrol-Narón.
Nos rexistros practicados, os preto de 50 axentes que participaron incautáronse de, ademais de 11 armas e o chaleco antibalas, de 12.000 euros en efectivo, 13 quilos e medio de marihuana, 200 gramos de haxix, máis de cen gramos de heroína e outros tantos de cocaína, así como tamén material para cortar a droga. As investigacións continúan abertas e non se desbotan máis detencións.