O avogado do home que matou a seu pai en Monterroso cre que a pena non pode superar os 9 anos

Aínda que o ministerio fiscal solicita 17 anos de cárcere para Pedro López, o veciño de Monterroso que onte foi declarado culpable do homicidio do seu pai por un xurado popular, tras dous días de xuízo na Audiencia Provincial de Lugo, o letrado da defensa, César Lodos, asegura que a pena para impoñer ao seu cliente non pode exceder os nove anos de reclusión.
En declaracións a EFE, precisou que existen dous procedementos legais distintos para unha causa penal deste tipo e este caso foi "tramitado por dilixencias previas", de modo que "a pena para impoñer non pode superar os nove anos de cárcere".
Lodos recoñeceu que o veredicto do xurado o deixou "triste e decepcionado", porque "o resultado non se corresponde co desenvolvemento do xuízo".
"Esperabamos unha condena, pero por imprudencia. É difícil pensar que unha persoa pode matar a outra a fartar cando tiña seis armas á súa disposición na casa familiar de Monterroso", lamentou.
Ademais, o letrado precisou que o xurado non considerou probado que Pedro López tivese as "capacidades minguadas", a pesar de que deu na proba de alcoholemia unha taxa de 0,94 miligramos por litro de aire expirado.
"Imos esperar para ver a pena que lle impón o maxistrado presidente da sala", dixo César Lodos, e "estudar un recurso que supoño que se presentará". De feito, o avogado confirmou que está disposto a chegar ao Tribunal Supremo.