CRTVG

Buscar

O avance da lava obriga a unha nova evacuación no municipio de Los Llanos

Publicado o 14/10/2021 08:13

Seguen as evacuacións preventivas no Val de Aridane, a zona de máis perigo agora na illa. Esta noite ampliouse o perímetro da zona desaloxada. O ramal da coada norte segue ameazando o barrio de La Laguna, pero empezou a frearse.

Tamén o chan segue tremendo. Onte á tarde rexistrábase en Fuencaliente un tremor de 4,4 graos. É o máis forte dende que comezou a erupción. E para os científicos é un sinal de que o volcán vai estar activo durante moito tempo. Explican que hai tres parámetros que determinan o final dunha erupción.

Segundo os últimos datos oficiais, van 673 hectáreas afectadas e unhas 1.800 edificacións danadas ou destruídas. Preocupa a entrada prevista para os próximos días de po sahariano, que pode axudar a concentrar os gases enriba da illa e obrigar a novas medidas de confinamento.

No plano político, o presidente do Goberno, de visita na Palma por cuarta vez, reuniuse cos membros do Pevolca e con representantes dos afectados. Para Pedro Sánchez hai unha prioridade clara nestes momentos.

Pedro Sánchez, presidente do Goberno: "Atender o máis urxente, que é poder realoxar as persoas que o perderon todo ou que están en risco de perder a súa vivenda, ademais das súas necesidades materiais, e nunha terceira fase abordar a tarefa de reconstrución que temos por diante".

Tamén o presidente canario pediu sensibilidade co que está vivindo A Palma e apoio desde Bruxelas. Fíxoo na sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións.

O presidente do Goberno asegurou que están traballando nas posibles axudas da Unión Europea, pero pediulles paciencia aos palmeiros, porque a maior parte dos investimentos non poderán facerse ata que remita a erupción.

Noticias web

14/10/2021