CRTVG

Buscar

O ascenso dos contaxios frea o ritmo de reservas dos turistas en Sanxenxo

Publicado o 18/07/2021 15:06

As autoridades sanitarias controlan moi de preto a evolución da pandemia no concello de Sanxenxo, que suma 25 casos máis nas últimas 24 horas. O comité clínico decidíu manter Sanxenxo no nivel medio de restricións mentres o persoal técnico avalía o ascenso brusco de contaxios rexistrado esta semana.

Este domingo amenceu anubrado. A praia de Silgar está case baleira, pero o paseo semella un avespeiro. Polo momento, os establecementos poden servir no interior ao 30 % e nas terrazas coa metade das mesas habituais.

Arestora hai 238 casos activos. Nos últimos días fixéronse cribados entre a poboación de 18 a 35 anos. O mércores e o xoves acudiu o 60 % das persoas citadas e 28 deron positivo. Vinte e dous socorristas están de baixa: oito coa doenza e o resto en corentena.

Profesionais da hostalería aseguran que o aumento de contaxios freou un pouco o ritmo de reservas pero a ocupación segue a ser boa.

As autoridades locais están pendentes do que decida o comité clínico. A semana pasada salientou a situación particular de Sanxenxo. Tivo en conta que durante o verán a poboación flotante cuadriplica a habitual do concello.

Noticias web

18/07/2021