CRTVG

Buscar

O aumento da actividade explosiva do volcán obriga a evacuar máis barrios da Palma

Publicado o 25/09/2021 10:41

• Hai xa máis de 6.200 desaloxados e 420 vivendas arrasadas

• As aeroliñas cancelan ducias de voos na Palma e Tenerife

• O Goberno declarará o martes A Palma zona catastrófica

 

A situación complicouse e fíxose máis perigosa dende a tarde deste venres. A lava continuou saíndo con intensidade durante toda a noite. A cantidade de material volcánico que expulsa o Cumbre Vieja obrigou os bombeiros a abandonar a zona de Todoque, unha das máis devastadas pola erupción.

Nas últimas horas, abríronse dúas novas fendas baixo o solo da Palma. Unhas fisuras das que sae máis magma e que forman novas coadas. Estes ríos de lava desprázase rapidamente pendente abaixo e obrigaron xa a evacuar tres poboacións novas. Os veciños de Tajuye, Tacande de Abajo e de Arriba tiveron que abandonar as súas casas. Minutos antes de que se abrira a primeira fenda, o enxeñeiro galego Domingo Fernández alertaba: ningunha zona da illa é segura.

Ademais das novas fendas, as explosións do volcán fixéronse máis virulentas. Esta noite os estoupidos fixéronse máis fortes e aumentou a cantidade de lava. Xa pola tarde, os bombeiros tiveron que retirarse de Todoque pola gran cantidade de pedra e cinsa que caía do ceo. Unha cinsa que xa chega a practicamente a toda a illa.

A falta de visibilidade obrigou a cancelar a actividade nos aeroportos da Palma e tamén da Gomera. Agora os expertos vixían a temperatura das coadas para ver cales son as zonas máis quentes, onde o perigo é máis grande.

Noticias web

25/09/2021