O Athletic gaña o Teresa Herrera e o Deportivo ofrece unha boa imaxe
Por terceira vez na historia do torneo, o Teresa Herrera vai para o museo do Athletic de Bilbao. Todo tras un partido entretido con goles e con fútbol. Mágoa do aspecto da bancada. Unicamente sete mil afeccionados acudiron a Riazor. Os capitáns do Athletic recolleron a torre.
O Athletic estivo máis atinado na lotaría dos penaltis. Adiantouse o Athletic nesta xogada. Centro de Mikel Rico e marca Córdoba. Minuto 10. Sete minutos despois chegou o golazo de Cristian Santos. Vexan a media chilena que engancha o dianteiro venezolano, imposible para Herrerín. Tampouco estivo nada mal o segundo gol do Athlétic. Desde a frontal, Aduriz, de volea, fai o 1 a 2... tampouco nada puido facer Ortolá. E no 86, o gol do empate do Deportivo. Pase en profundidade e vexan como resolve a situación Saúl. Recorte na área e disparo perfecto.
O Teresa Herrera decidiuse nos penaltis e aí, o Deportivo non estivo atinado. Primeiro fallou Mosquera e despois Bóveda mandou o balón á bancada. Iturraspe certificaría o triunfo do Athletic. O Teresa Herrera marchou para Bilbao e Berizzo eloxiou a proposta futbolística deste Deportivo.
O encontro, de carácter amigable, serviu para comprobar que Cristian Santos está en condicións de suplir a Carlos Fernández en Almería. É o terceiro dianteiro do Deportivo. O venezolano apunta ao Estadio Mediterráneo. Marcou un extraordinario tanto ante o Athletic.
O Athletic feminino tamén leva o Teresa Herrera
Tamén se disputou o Teresa Herrera feminino cos mesmos contendentes. E tamén gañou o Athletic grazas a este solitario gol de Eunate, no minuto 78, aproveitando a indecisión de Malena. Foi un partido equilibrado. A pesar da diferenza de categoría, as xogadoras do Deportivo competiron e buscaron o empate ata o final.