CRTVG

Buscar

O Athletic acaba co Barcelona no desconto

Publicado o 07/02/2020 13:16

Messi e Ansu Fati buscaron portería dende o asubío inicial e na primeira chegada a pelota rematada polo guineano non colle porta mais, na segunda, á reviravolta xa tivo que intervir Unai Núñez con acerto para evitar o perigo estremo que levaba o remate. Cero a cero ao descanso e os de Garitano cumprindo o plan de partido.

Con Griezmann no campo substituíndo a Ansu Fati, chegan os peores momentos para a escuadra bilbaína que ía de susto en susto. 

Os axustes defensivos 'chirriaban' con Griezmann de verso ceibo por toda a dianteira do Barça e velaí apareceu outra oportunidade culé con Messi dando un pase mestre ao furado por onde se metía Alba. Mal remate e perigo conxurado polo Athletic. Máis madeira e contra brutal do Barcelona na que Sergi Roberto avanza campo a través e cede á súa esquerda unha pelota incrible de errar por Griezmann. Eran os mellores momentos dos blaugranas que estaban deixando marchar vivos aos de San Mamés.

O Athletic cunha fe irredutíbel nunca se entregou ata atopar o seu momento. Minuto 93, balón envelenado que pon Ibai sobre a área dende a dereita. Peitea Williams e repeitea Busquets a gol.

Ter Stegen queda "KO" e o equipo de Garitano, en éxtase, mata a eliminatoria e segue enfeitizando a súa xenética máis copeira.

Noticias web

07/02/2020