CRTVG

Buscar

Luis César, destituído despois de oito partidos, sen ningunha vitoria e co Lugo en descenso

Publicado o 19/04/2021 14:22

• O arxentino Ricardo Caruso, candidato para substituílo

O Lugo busca xa o cuarto adestrador desta temporada. Luis César Sampedro foi destituído este mediodía logo de perder o sábado e deixar o equipo moi tocado na clasificación. Tres empates e cinco derrotas é o seu magro balance na súa segunda etapa no club lucense. Peor que o de Nafti, a quen substituíu en febreiro cando o equipo contaba cun colchón de seis puntos sobre o descenso. Agora é antepenúltimo, a dous da salvación.

No Anxo Carro ultiman o nome do substituto. Soa o arxentino Caruso Lombardi. Sería o décimo segundo da era Tino Saqués. A viaxe a Ponferrada e a visita do Zaragoza son os compromisos inminentes.

O Lugo cesa a Luís César. Segundo o club foi "unha decisión motivada pola situación clasificatoria e de resultados na que se atopa o equipo, que obriga a un cambio na dirección en busca dunha mellora necesaria. Todo iso, sen deixar de destacar o traballo, profesionalidade, e implicación máxima demostrada polo adestrador e o seu grupo de traballo durante esta etapa".

Ricardo Caruso Lombardi, adestrador arxentino, confesou nun programa de televisión que ten unha oferta do Lugo para suplir a Luis César. É experto en situacións difíciles.

Era unha destitución anunciada. Despois de trece partidos sen gañar o Lugo perdeu na casa cun rival directo e meteuse en descenso. Luis César, responsable dos oito últimos, non conseguiu que o Lugo funcionase.

É coñecida a actitude expeditiva de Tino Saqués cos adestradores. Cando presentou a Luis Cesar, o Lugo de Nafti estaba seis puntos por riba do descenso.

O Lugo non volveu gañar, empezou a perder na casa e recibiu un severo 6-1 nas Palmas, seguido doutras tres derrotas consecutivas. E xa se sabe como pensa o presidente.

O adestrador número 12 de Tino Saqués está en camiño. Pode ser un arxentino, curtido en situacións difíciles e comentarista de televisión. Ricardo Caruso.

A Saqués vanlle as apostas arriscadas. Quedaban seis partidos cando chegou Juanfran. Despois veu Mehdi Nafti, Luis Cesar... os xogadores do Lugo terán que cambiar os esquemas por cuarta vez esta temporada.

Noticias web

19/04/2021