CRTVG

Buscar

O Arco do Triunfo francés cóbrese de tea para finalizar a obra do artista Christo

Publicado o 16/09/2021 18:30
EFE

Emocionado e alegre, o sobriño do artista búlgaro Christo, Vladimir Yavacheff, presentou este xoves xunto ao seu equipo e as autoridades francesas o soño feito realidade do seu tío, falecido en 2020, cuxo legado artístico continuará con proxectos que queren adaptarse ás problemáticas do século  XXI.

"Espero que estea satisfeito do traballo que fixemos e que alá onde estea nos dea o seu sorriso", dixo Yavacheff durante a conferencia de prensa que precedeu á inauguración da obra, que fará este mesmo xoves o presidente francés, Emmanuel Macron.

Yavacheff, director da montaxe, insistiu en que a pesar da ausencia do seu tío, o seu equipo tan só executou un proxecto que Christo planificara ao milímetro. "Tíñao todo preparado, cada detalle e aspecto visual. Nós só seguimos as súas instrucións", engadiu, lembrando que en outubro de 2019 Christo seleccionara in situ e desde o alto do monumento o tecido que agora o envolve.

Trátase dunha tea prateada de polipropileno reciclable, do que se usaron 25.000 metros cadrados, e tres quilómetros de cinta vermella do mesmo material. "A elección do tecido é totalmente estética. Buscabamos unha estrutura, un brillo, e este tecido, co seu forro azul dá un resplandor que apenas se ve. Cando o miras parece ata sedoso a pesar de que o tecido é moi duro e forte cando te achegas", explicou Yavacheff.

Tras esta intervención, o equipo da montaxe defendeu a sustentabilidade do tecido, que despois será sometido a un proceso de reciclaxe industrial, igual que a cinta vermella. A elección do tecido e o concepto en si da obra non estivo exento de polémica, o que explica porque o grupo insistiu tanto en defender a súa capacidade total de reciclaxe.

O pasado sábado, o arquitecto e amigo de Christo Carlo Ratti pediu nunha columna en Le Monde poñer fin ao proxecto por razóns ambientais, lembrando que a industria da moda é responsable do 10 % das emisións mundiais de dióxido de carbono, e pediu poñer fin á "estética de envases e desperdicio".

Outro dos puntos máis rechamantes desta instalación, aberta ao público do 18 de setembro ao 3 de outubro, é que supoñerá a peonalización da xigantesca rotonda que rodea o monumento, unha das zonas con máis tráfico de París, durante as tres fins de semana do evento.

"Poder vir andando ata os pés do Arco do Triunfo vai ser algo extraordinario", defendeu a alcaldesa da capital, Anne Hidalgo, que fixo da restrición do tráfico na súa cidade un dos seus cabalos de batalla.

En total, a execución da obra levou cinco anos, un récord extraordinario na traxectoria do artista, que chegou a esperar máis de vinte anos para poder embalar o Parlamento alemán, en 1994, e unha década no caso da ponte parisiense.

Pero desde que Christo empezou a pensar en envolver o Arco do Triunfo pasaron 60 anos. Os debuxos realizados nese tempo, algúns deles poxados nos próximos días en Sotheby's, servirán para financiar o proxecto, que custou en total 14 millóns de euros.

Os fondos, totalmente privados, non irán á conservación do Arco, lugar emblemático da memoria  patriótica francesa onde se acha a tumba do soldado descoñecido, símbolo dos caídos na Primeira Guerra Mundial.

 

Noticias web

16/09/2021