CRTVG

Buscar

O anuncio do aumento das cotas indigna aos autónomos

Publicado o 15/10/2021 15:35

O proxecto de presupostos xerais que acaban de aprobarse inclúe alzas nas cotas de autónomos. Sandra Folgar ten unha tenda de complementos en Santiago: "Era o que nos faltaba a todos os autónomos porque estamos pasando un momento moi malo despois do confinamento con moitos meses sen ingresos e agora vén isto", asegura.

É o sentir xeral de moitos autónomos do pequeno comercio das vilas e cidades galegas. A suba da cota de autónomos a partir de xaneiro únese a outras subas como a da luz, que tamén lles está afectando duramente.

Manolo Rodríguez rexenta unha cafetería: "É sanguento, o 200 % acábame de subir este mes, de 250 a case 500 euros. Así é que non podemos sobrevivir, o único que nos queda é pechar e a ver que pasa".

Moitos pensan que na situación na que estamos, na que aínda as ocupacións non están ao cen por cento e a recuperación da crise está sendo moi lenta, este non era o momento.

Sonia Fernández Rey ten un salón de peiteados: "Eu creo que agora mesmo non era o mellor momento a nivel do comercio pequeno porque realmente non estamos traballando ao cen por cento a situación económica é máis ben baixa".

Os autónomos cren que o seu colectivo sempre é o máis prexudicado.

Pío Barreiro é dono dunha librería: "No tema laboral os autónomos sentímonos prexudicados polas administracións".

A suba da cota de autónomos aplicarase desde xaneiro do 2022 e, segundo a Federación de Autónomos de Galicia, supoñerá unha suba mensual de 3 a 12 euros, o que ven sendo un aumento anual de entre 36 a 144 euros dependendo da base de cotización de cada autónomo.

Noticias web

15/10/2021