O ano máis complicado para Filipe VI
Foi o ano máis atípico, tamén para a Casa Real. Comezou de xeito inusual para Filipe VI, asistindo ao nacemento do primeiro goberno de coalición da democracia.
Nos primeiros meses do ano, o monarca viaxaba a Xerusalén e a Polonia a conmemorar o 75 aniversario da liberación de Auschwitz, rendía homenaxe en París ás vítimas do terrorismo e acudía á toma de posesión do novo presidente deUruguai.
A súa seguinta cita era con Donald Trump en Washington,pero daquela o coronavirus cambiouno todo. Tanto foi así que o monarca non volvería saír de España ata xullo para asistir á reapertura da fronteira con Portugal.
O apoio á recuperación estivo detrás da xira que no verán fixo por todas as comunidades autónomas coa raíña Letizia.
Filipe VI agradeceu en persoa o labor dos que combateron a pandemia desde primeira liña, e acompañou ás vítimas na homenaxe nacional que se lles rendeu no Pazo Real.
A pandemia deixou pegada no insólito protocolo de actos como os do Día Nacional ou a entrega dos premios Princesa de Asturias.
O virus non só alterou axendas, tamén a propia vida diaria da Casa Real: estiveron en corentena preventiva primeiro a raíña, logo a princesa Sofía, e o propio Filipe VI en novembro.
Foi un ano complicado por máis motivos: en marzo, o rei renunciaba á unha herdanza paterna que comezaba a estar baixo sospeita. En agosto, o rei emérito marcha de España e meses despois regulariza as súas débedas con Facenda.
Filipe VI tamén foi protagonista indirecto doutras dúas polémicas: a súa insólita inasistencia á entrega de despachos aos novos xuíces por decisión do Goberno e a carta que un grupo de militares lle enviou con duras críticas ao executivo.
O monarca estivo este ano 3 veces en Galicia, na ofrenda ao Apostol, na inauguración do Foro A Toxa e na comandancia naval do Miño, en Tui.