CRTVG

Buscar

Máis de 13.000 alumnos galegos enfróntanse ás probas da ABAU

Publicado o 08/06/2021 10:36

Comezou o primeiro exame da ABAU, o de Historia de España. Ás dez da mañá repartían os exames entre os máis de 13.000 alumnos galegos que se presentan ás probas. Hora e media para realizar o exame e despois haberá media hora de descanso. Despois, o exame de Lingua Castelá e Literatura. Xa pola tarde, os exames de Matemáticas Aplicadas ou Fundamentos da Arte, e ás cinco e media comezará a proba de Economía ou Deseño. Os 13.204 estudantes examínanse nas 43 sedes que hai nos tres campus galegos.

 Os exames da Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade prolongaranse ata o xoves día 10. A convocatoria extraordinaria terá lugar entre o 13 e o 15 de xullo.

Outras once comunidades autónomas celebran esta semana as probas equivalentes á antiga selectividade. Son Castela-A Mancha, Madrid, Aragón, Principado de Asturias, Baleares, Comunidade Valenciana, Cataluña, Estremadura, Euskadi, Canarias e Castela e León.

A Rexión de Murcia, A Rioxa e Navarra programaron os exames na primeira semana de xuño e Andalucía, Ceuta e Melilla entre os días 15 e 17. En todo o territorio está previsto que se presenten á ABAU unhas 200.000 persoas.

Dúas fases

A proba divídese en dúas fases: a xeral (lingua e literatura, lingua estranxeira, historia e unha materia troncal segundo a modalidade de bacharelato cursada) e a específica ou voluntaria, en que se poden facer un máximo de catro exames.

A cualificación para o acceso á universidade séguese a calcular ponderando un 40 % o resultado da proba e un 60 % a etapa do bacharelato. Reuniranse os requisitos cando o resultado desta ponderación sexa igual ou superior a cinco puntos.

 

Medidas de prevención e hixiene

Esta é a segunda ABAU marcada pola pandemia. A proba é presencial para todo o estudantado que, ao igual ca o persoal docente, debe seguir unhas estritas medidas de prevención e hixiene.

Teñen que respectar a distancia interpersoal de, polo menos, metro e medio e usar máscara durante toda a proba. Ademais, o protocolo recolle a recomendación de usar xel hidroalcohólico, evitar aglomeracións e manter a ventilación cruzada da aula abrindo portas e xanelas.

O alumnado con síntomas, en período de corentena ou á espera dunha proba de detección determinante non poderá realizar a proba.

Noticias web

08/06/2021