CRTVG

Buscar

Adían o inicio da campaña marisqueira na ría de Noia polo alto nivel de toxina

Publicado o 20/09/2021 14:31

Completamente baleira. Así estaba esta mañá a praia de Testal, na ría de Noia, onde hoxe debía comezar a campaña marisqueira de non ser porque os altos niveis de toxina nas augas obrigaron a pechar a ría cautelarmente o venres.

"Hoxe ás sete da mañá foi un traballador coller dúas mostras, unha para Intecmar e outra para a privada, e levámosllas alá a Vilaxoán e non sei se a noite ou mañá pola mañá dannos os resultados", di Santiago Cruz Martínez, patrón maior da confraría de Noia.

Haberá que esperar, polo tanto, para ver esta imaxe dos 1.500 mariscadores das confrarías de Portosín, Porto do Son, Muros e Noia iniciando a campaña extractiva.

"Esperemos que esta noite nos dean os resultados, se non habería que agardar a mañá pola mañá. Se nos da ben mañá poa mañá comezaríamos a traballar. Se dá positivo habería que esperar outra semana máis porque ten que dar dous negativos e teñen que pasar 48 horas para facer outra analítica e pasariamos outra semana máis na casa sen traballar", di Marisol Amado Tajes, presidenta das mariscadoras a pé da confraría San Bartolomé de Noia.

Desde a confraría apuntan a que só un cambio de tempo axudaría a limpar os fondos e eliminaría a presenza da toxina.

"Pola experiencia que temos fai falla nortes duros, incluso un sur duro non lle viría mal para limpar fondos. A ver se cambia o tempo porque este non axuda coas tormentas dos dias atras para a toxina é o peor que hai", di Santiago Cruz Martínez, patrón maior da confraría de Noia.

Coa esperanza posta nos resultados das análises, agardan unha campaña similiar á do ao pasado.

 

Noticias web

20/09/2021