O alcol usado para cociñar tarda máis en evaporarse do que se cría
Adoitamos cociñar empregando bebidas alcohólicas coma viño ou coñac baixo a crenza de que o seu alcohol se evapora coa cocción e que a comida resultante é apta para alimentar os máis pequenos. Pero un estudo dunha universidade estadounidense acaba de revelar que a evaporación do alcohol é máis mito ca realidade. Segundo expón o informe, para reducir a cantidade de alcohol ao 5 por cento nun prato cociñado a lume medio serían precisas dúas horas e media de cocción.
Quen non cociñou algunha vez con viño ou con coñac coidando que o alcohol se evapora coa cocción?
Segundo un estudo da universidade de Idaho, é preciso cociñar a lume medio durante dúas horas e trinta minutos para que o alcohol se reduza ata o 5 por cento. No caso do forneado, retense a metade do alcohol, mentres que co flamexado só se consegue evaporar unha cuarta parte.
Rubén Armesto, cociñeiro: "Se vas cociñar con alcohol, para que non quede na comida tes que facer unha cocción que o faga evaporar. Se lle engades alcohol a unha salsa que fas rápido, ese alcohol queda presente. Hai que deixar que cociñe para que se vaia evaporando".
En caso de cociñar para os máis pequenos, cómpre ter presente que a retención do alcohol é inversamente proporcional ao tempo de cocción.