CRTVG

Buscar

O alcalde de Santiago supera a cuestión de confianza tras abandonar CA e BNG o pleno

Publicado o 17/03/2021 18:10

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, superou este mércores a cuestión de confianza á que someteu a aprobación dos orzamentos municipais para 2021 cos votos a favor dos seus dez edís e o rexeitamento dos oito do Partido Popular. A cuestión de confianza que permite aprobar as contas para este ano saíu adiante só cos votos dos socialists despois de que tanto Compostela Aberta como o Bloque Nacionalista Galego abandonaran a sesión.

O feito de que ambas as formacións, que se mostraron moi críticas coa "falta de diálogo" dos socialistas para configurar as contas, se ausentaran do pleno permitiu que a cuestión saíra adiante só co apoio dos dez edís socialistas, que se impuxeron aos oito votos en contra do grupo municipal do PP. Así, a postura de BNG e CA figura como unha abstención.

Na sesión, Bugallo xustificou recorrer á cuestión de confianza para aprobar as contas na "necesidade imperiosa" que, na súa opinión, ten o Concello de dispor dun orzamento tendo en conta que "a prórroga" do anterior implicaría "a perda de investimentos". Ademais, referiuse á necesidade de atender a crise social e económica derivada da pandemia e á situación de varios servizos públicos do concello "pendentes de novas adxudicacións que dependen da existencia de dotación orzamentaria suficiente". Dito iso, volveu a defender as contas como "as máis necesarias da historia moderna" do consistorio compostelán, as "máis sociais" e as "máis investidoras".

A primeira en intervir despois do discurso do rexedor foi a portavoz do BNG, Goretti Sanmartín, quen volveu censurar que o Goberno local non negociara os orzamentos coa oposición e que, despois de perder a votación no pleno, ligara as contas a unha "cuestión de confianza". A nacionalista tachou esta forma de actuar de "chantaxe" coma se o propio alcalde "non tivese a responsabilidade" de non levar o proxecto ao pleno ata o 12 de marzo. 

"Un goberno en minoría ten que negociar. E que pasou desde o venres ata hoxe? Nada", censurou Goretti Sanmartín, que abandonou o pleno onde tamén volveu censurar que non se contemplen axudas para os sectores máis afectados pola pandemia, como o comercio, a hostalaría e a cultura.

Tamén criticou esta falta de apoios a edil de Compostela Aberta Marta Lois, quen coincidiu ao asegurar que nestes días o Goberno local "non fixo ningunha autocrítica" nin "ningún achegamento" aos grupos da oposición para falar do orzamento. Así mesmo, censurou que trate de "culpar" a oposición do atraso na aprobación cando, segundo indicou, Bugallo levou ao pleno as contas en marzo "porque o seu goberno non foi capaz de facelos antes".

"Vostede pretende converterse en mártir, quere pasar de vivir das rendas que deixou Compostela Aberta a vivir de mártir se a oposición está polo labor", censurou.

Pola súa banda, o popular Alejandro Sánchez Brunete explicou que, ao non saír adiante as contas no anterior pleno, en que a súa formación votou en contra, considerou a opción de pedir aos representantes do seu grupo a posibilidade de optar pola abstención por unha cuestión de "responsabilidade". Con todo, e despois de subliñar que a postura do resto de edís do PP pasaba polo voto en contra, asegurou que a marcha de Compostela Aberta e do BNG permite ao PP votar en contra sen que esta postura vaia a "dar lugar a un vitimismo sen causa" por parte do Goberno local. 

Finalizado o pleno, o alcalde de Santiago de Compostela agradeceu a "actitude construtiva" da oposición ao permitir que as contas saíran adiante aínda que "non o seu discurso". Ademais, sinalou que, a pesar do ocorrido, por parte do Goberno local haberá unha "actitude correcta e amable" co resto de grupos. "Foi un proceso de certa confrontación en que o Goberno actuou responsablemente e cumpriu coa súa obriga", indicou Bugallo, que aínda que sostivo que a oposición tivo unha "posición moi dura" ao final non se pode queixar porque "foi construtiva" pese á "excesiva escenificación".

 

Noticias web

17/03/2021