CRTVG

Buscar

O alcalde de Santiago condena a agresión xenófoba a unha muller do Perú na noite de San Xoán

Publicado o 24/06/2021 16:56
O alcalde de Santiago condena a agresión xenófoba a unha muller do Perú na noite de San Xoán
EUROPA PRESS

Unha muller peruana sufriu na noite de San Xoán unha agresión xenófoba en Santiago de Compostela por parte dun pai e os seus dous fillos. Diso informou este xoves, en declaracións á prensa, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, quen reproba este incidente xenófobo "bastante grave", que realizaron presuntamente tres individuos contra unha persoa de nacionalidade peruana residente en Santiago.   

Agora, seguirase un procedemento xudicial por uns feitos que ocorreron no barrio de Conxo. O rexedor explica que será o xuíz o que determine as responsabilidades que corresponden, aínda que hai "hai indicios dunha actuación xenófoba" porque "hai frases que se dixeron cara a esa persoa".   

Precisamente, esta semana unha mostra sobre refuxiados na Alameda compostelá sufriu ataques vandálicos. Por todos estes feitos, o alcalde móstrase "preocupado" e "indignado", mentres pide que calquera persoa en Santiago sexa "respectada".

Detención dun menor na Porta Faxeira

Por outra banda, o Foro Galego de Inmigración denunciou "violencia racial" por parte de axentes da Policía Nacional a un menor nunha detención en Santiago de Compostela ocorrida na tarde do 22 de xuño na Porta Faxeira.   

A preguntas dos medios sobre esta cuestión, o rexedor sinala que os partes policiais apuntan a que un coche da Policía Nacional pasaba por Porta Faxeira cando alguén lle tirou "algo", supostamente un bote, polo que os axentes pararon para identificar o autor.   

Alí, unha persoa que estaba sentada na terraza foi o que sinalou ao autor do lanzamento. Segundo relata Sánchez Bugallo, cando foron identificalo "produciuse algún tipo de protesta" do mozo, que foi identificado e levado a comisaría.   

Subliña que o presunto autor do lanzamento do obxecto ao coche da policía "xa fora detido unha semana antes por outro incidente". Ao preguntarlle sobre a actuación policial neste caso, o alcalde asegurou "non ter constancia" de que houbese un procedemento violento cara ao mozo. "Non teño máis información", resolveu.

Noticias web

24/06/2021