CRTVG

Buscar

O alcalde de Medellín pide a deportación dun holandés que paseaba unha muller atada cunha cadea

Publicado o 12/10/2021 18:55

Denuncia que esta actitude incita e xustifica a violencia machista

O alcalde de Medellín pide a deportación dun holandés que paseaba unha muller atada cunha cadea

En Colombia, o alcalde de Medellín pediu a deportación dun holandés que paseaba unha muller atada cunha cadea e en roupa interior. Denuncia que esta actitude incita e xustifica a violencia machista.

"Estamos pedindo a Migración que expulse o holandés que veu danarlle a imaxe a Medellín e que veu maltratar as mulleres de Medellín", asegurou nun vídeo o alcalde da cidade colombiana, Daniel Quintero.

A Vicepresidencia de Colombia e a Consellería Presidencial para a Equidade da Muller aseguraron este luns que estes feitos "son graves e necesitan accións contundentes". Nunha carta conxunta, alertaron ademais que este tipo de escenas "reproducen, incitan e xustifican a violencia contra a muller ao promover a vulneración dos seus dereitos, a afectación á súa dignidade e a normalización de posturas ou imaxinarios denigrantes que interiorizan, subvaloran e cousifican o seu corpo". 

Lamentaron ademais que esas imaxes mostren as mulleres "como un obxecto de propiedade dos homes" e advertiron que poden promover o turismo sexual e a trata con fins de explotación sexual. 

Por esa razón, solicitarán a Migración Colombia "revisar a gravidade dos feitos" para "tomar as sancións e accións que considere correspondentes, incluído o contemplar a deportación do cidadán estranxeiro involucrado nos feitos". Ademais, ambas instancias comprometéronse a traballar coas autoridades locais en campañas de prevención e rexeitamento á violencia contra a muller, e fortalecer o uso das canles de denuncia deste tipo de casos.  

 

 

Noticias web

12/10/2021