CRTVG

Buscar

O alcalde de Castroverde e a deputada Patricia Otero competirán para dirixir o PSOE provincial de Lugo

Publicado o 03/07/2019 19:46
O alcalde de Castroverde e a deputada Patricia Otero competirán para dirixir o PSOE provincial de Lugo

O alcalde de Castroverde, José María Arias, e a deputada autonómica Patricia Otero postuláronse este mércores para dirixir o Partido Socialista na provincia de Lugo despois do proceso interno aberto coa dimisión de Álvaro Santos como secretario provincial.   Os dous rexistraron as súas precandidaturas na sede do PSOE de Lugo este mércores, xornada na que finaliza o prazo para inscribirse nestas primarias. Agora teñen cinco días para recoller os avais necesarios para ser proclamados como aspirantes á secretaría provincial.   En concreto, segundo indicaron fontes do partido, necesitan entre o 3% e o 6% de avais dos case 1.900 afiliados do PSOE na provincia. No caso de que ambas as candidaturas saian adiante, o sábado día 20 de xullo terá lugar a votación, unha semana antes da data fixada para o Congreso provincial --27 de xullo-- pola xestora que preside o secretario de Organización do PSdeG, José Antonio Quiroga.   Tanto o alcalde de Castroverde como a deputada Patricia Otero (Burela) xa se presentaron hai dous anos ás primarias do PSOE provincial, nas que Álvaro Santos se impuxo como secretario dos socialistas lucenses.   Ademais, mentres que Patricia Otero apoiou a Pedro Sánchez nas primarias á secretaría xeral do PSOE, o alcalde de Castroverse de situou con Susana Díaz, tal e como lembraron fontes socialistas.   A respecto da existencia de dúas precandidatos, o presidente da xestora, José Antonio Quiroga, valorou a "total normalidade" coa que se "está desenvolvendo o proceso", así como a "disposición e compromiso" mostrado polos dous afiliados que decidiron dar un paso adiante para encabezar o partido nesta nova etapa.

Noticias web

03/07/2019