CRTVG

Buscar

O aeroporto de Santiago vive unha das xornadas con máis voos en ano e medio

Publicado o 17/08/2021 13:36

Entre saídas e chegadas, o aeroporto compostelán ten previstos este martes máis de 60 voos. Non son moitos para un dezasete de agosto, pero é das mellores cifras de actividade desde o inicio da pandemia. Os condicionantes do coronavirus para a mobilidade seguen marcando incidencias, como relata un viaxeiro procedente do Reino Unido.

"Foi unha aventura chegar aquí, porque me deu un falso positivo. Logo tiven que facer outros tres tests e todos foron negativos. Perdín o avión porque non me deu tempo de chegar".

Na viaxe contraria, Ryanair deixou en terra un matrimonio galego por non teren feita a proba da covid esixida no Reino Unido.

Toda unha faena co gasto conseguinte é a que sufriu outra viaxeira e o seu fillo cando tiñan todo listo esta mañá para volver das vacacións:

"Quería viaxar a Alemaña, pero uns cantos pallasos deixáronme pechada no baño. Cando logrei saír aínda quedaba un minuto, pero os de Ryanair xa non me permitiron pasar cara ao avión".

Mentres, outras fan o embarque que supón volver á rutina.

"Viaxamos a Londres. Estivemos aquí de vacación e agora volvemos, porque vivimos alá".

E no contrapunto, outros empezan as vacacións.

"Só trece días, porque normalmente vimos todo agosto. Este ano non podemos máis". "Vimos desde Barcelona e imos facer un tramo do Camiño de Santiago por vez primeira. Farémolo desde Sarria e estaremos en Galicia unha semana".

Nos voos de saída predominan os destinos turísticos de costa e as illas Baleares e Canarias.

Noticias web

17/08/2021