O ADN confirma que os ósos atopados en Valadares son de Daniel Veloso
O ADN confirma que os restos óseos atopados nunha zona de monte de Valadares, en Vigo, son os do desaparecido Daniel Veloso. A pista clave que permitiu encauzar a identificación foi unha pulseira que apareceu ao carón dos ósos coas iniciais gravadas. Tamén se localizou parte dun pantalón vaqueiro.
Agora confírmase que pertencían a Daniel Veloso, o mozo de 27 anos e enfermo crónico de epilepsia que permanecía desparecido dende o 17 de setembro de 2001. Ratificouse a través do ADN, das pezas dentais atopadas e tamén grazas á aparición dun parafuso nun dos ósos, que segundo se constatou era derivado dunha intervención cirúrxica á que se sometera o mozo vigués.
Fora unha veciña a que atopara os restos, concretamente un cranio, cando ía recoller castañas, o 4 de setembro nunha zona de monte pouco transitada na parroquia de Valadares. Daniel Veloso desaparecera cando ía camiñando dende a súa casa de Barreiro ata o campus universitario. Por outra banda, a autopsia tamén revela que a morte non foi violenta.