CRTVG

Buscar

O acto institucional do Día das Letras estende a homenaxe aos profesores de instituto

Publicado o 17/05/2021 14:02

Foto: EFE

A Xunta de Galicia, para o acto institucional deste Día das Letras Galegas, elixiu o IES Castelao de Vigo, no barrio do Calvario. O mesmo onde estudou Xela Arias. E ese homenaxe converteuse nun recoñecemento ao papel dos profesores de instituto.

O primeiro dos discursos foi o de Mónica Soto, docente a amiga de Xela Arias, quen recordou que con 13 anos elixiu ese instituo porque era dos poucos mixtos naquela altura.

O presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Freixanes, profundou en que é neses lugares onde se forxan as personalidades, a autodeterminación persoal, ata os 15 ou 16 anos. E así foi no caso de Xela, quen dixo estivo nos dous lados, o de estudante e o de profesora, lembrou, e sempre permanecerá no imaxinario colectivo, sen chegar a outras idades, como unha moza sedutora pero sobre todo con moitísima luminosidade.

Darío, o fillo que Xela Arias tivo co fotógrafo Xulio Gil, presente na placa que hoxe se descubriu nesta institución educativa, contou algo que, curiosamente, non se dixo da súa nai, e é que adoraba a mitoloxía, sobre todo o mito de Penélope, a muller que espera para sempre. Xogando con iso, Darío agradeceulle á súa proxenitora todo e aos dous 'Sísifos' da súa vida, o seu pai e o seu tío Lois, que sempre o empuxasen e alentasen. Do legado de Xela confiou Darío en que "perdure para sempre".

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, desexou ao único fillo de Xela que pronto se converta en profesor de secundaria. Feijóo dixo que este ano o Día das Letras coincide no tempo cos 40 anos da autonomía e por iso destacou os logros que trouxo consigo o autogoberno, que "permite que nos recoñezamos como un pobo forte, unido, capaz de grandes retos" e co idioma como o "gran catalizador".

Dixo da lingua que é ponte, non un valado; que é un punto de encontro, e non unha disxuntiva, e que a cultura común congrega e non separa. Destacou o traballo de mulleres como Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán e Xela Arias.

Da homenaxeada nesta data subliñou que primeiro foi alumna e despois, mestra, e que ela sempre loitou contra o tópico ata dobregalo, innovando, inventando moldes e fuxindo do convencionalismo. O idioma do que Xela xamais se apeou "une aos galegos e non nos separa de ninguén".

"Quedan moitísimas metas por acadar", concluíu Núñez Feijóo, "sen molestar a ninguén", pero tampouco sen ser asoballados.

Noticias web

17/05/2021