CRTVG

Buscar

O acordo con Mauritania permitirá seguir pescando alí a 18 barcos galegos

Publicado o 29/07/2021 21:35

Renóvase por cinco anos o acordo pesqueiro con Mauritania. A noticia foi especialmente ben acollida no Porto de Marín, porque máis da metade dos barcos galegos que pescan nese caladoiro son de armadoras da vila. Son 10 grandes arrastreiros os que están vencellados con esta vila.

Galicia seguirá pescando en augas de Mauritania. A Unión Europea e o país africano chegaron nas últimas horas a un acordo que nos permite traballar nas súas augas durante 5 anos máis. En contrapartida, a Unión Europea compensará a Mauritania con 62 millóns de euros os dous primeiros anos e unha cantidade que se revisará a partir do terceiro ano segundo as posibilidades de pesca.

En total, a nosa comunidade ten 18 barcos na zona. 4 barcos de arrastre de pescada negra ao fresco, 6 conxeladores arrastreiros, 6 palangreiros e 2 buques de palangre de superficie. Deles, 12 barcos son de armadoras de Marín, 4 de Ribeira, 1 da Guarda e 1 de Burela.

Os 4 barcos de arrastre de pescada terán unha cota de 6.000 toneladas. Aos 6 conxeladores concédenlles 3.500 toneladas de pescada, 1.450 de lura e 600 de xiba.

Os 6 palangreiros que andan á palometa teñen unha cota de 3.000 toneladas. E os atuneiros galegos e vascos repartiranse máis de 12.000 toneladas. As armadoras galegas pedían máis pero están satisfeitas.

O actual acordo expiraba en novembro de 2021. O que acaba de subscribirse entrará en vigor ao día seguinte e prolongarase ata o 2026. Este acordo teno que ratificar aínda o Consello de Ministros da UE e sería de aplicación provisional ata que o vote o parlamento comunitario. 

O actual acordo pesqueiro remata o 15 de novembro. O novo pacto comeza a aplicarse de xeito provisional ao día seguinte. Deste xeito, non hai interrupción de pesca e os barcos non terán que abandonar o caladoiro.

O documento teno que ratificar aínda o Consello de Ministros e despois teno que aprobar o Parlamento Europeo e o Goberno de Mauritania. Pero tendo un informe favorable do Consello, eses pasos son case un mero trámite que non impedirá a súa aplicación inmediata.

 

Noticias web

29/07/2021