CRTVG

Buscar

O achado duns fornos confima a importancia de Lugo como centro de produción oleira na época romana

Publicado o 17/07/2020 13:32

En tres parcelas do centro histórico de Lugo, en que se vai edificar un restaurante, apareceron novos restos arqueolóxicos dos tempos dos romanos. Trátase de dous fornos de olería, anteriores á construción da muralla, que data dos séculos III e IV.

Enrique González, arqueólogo municipal de Lugo:  "O máis relevante é o achado de dous fornos de cerámica romanos co resto das instalacións que os acompañaban. Son dous talleres oleiros que pertencen a unha etapa anterior á construción da muralla. Toda esta zona estaba ocupaba por talleres de oleiros. Cando se constrúe a muralla parte deses talleres desaparecen, pero algún pervive. De aí a importancia do achado en canto á valoración histórica e arqueolóxica da cidade nesta época".

Ademais dos fornos, nas escavacións tamén apareceron restos de olas de barro e mais lousas redondas que se empregaban como base nos tornos. Con este novo achado, confírmase que a cidade de Lucus Augusti era un centro de produción oleira de primeira orde.

Enrique González di que "as cerámicas que producían están aparecendo noutros lugares alén do propio Lugo. Era unha produción local, pero tiña unha exportación máis alá do propio territorio galaico. Están aparecendo producións de Lugo dende o norte de Portugal ata o val do Ebro. De aí a relevancia destes fornos. E dende o punto de vista urbano, tamén nos reafirma na idea de que esta zona da cidade, antes da construción da muralla, estaba dedicada a talleres. Era unha zona industrial, por dicilo dalgunha maneira".

En Lugo e arredores xa se descubriron outros 40 fornos de olería da época galaicorromana. Prevese que estes últimos achados queden á vista, como reclamo turístico, no restaurante que se vai construír nestas parcelas.

Noticias web

17/07/2020