O aceite de Quiroga preto de ter a denominación de orixe
O aceite que producen estas oliveiras de Quiroga está máis preto de conseguir ampararse baixo a figura legal da denominación de orixe. Os procesos están moi avanzados e os produtores agardan que sirvan para poñer en valor o traballo dos pequenos agricultores da zona mantendo as castes autóctonas e tamén para influír no mercado do aceite.
Arredor de 40.000 litros de aceite de Quiroga saen cada ano ao mercado. Unha produción que apenas chega para cubrir a demanda deste produto que se elabora exclusivamente coas oliveiras deste concello e do lindeiro de Ribas de Sil. Para aumentar a cantidade de litros e facerse cunha posición máis forte no mercado, levan anos traballando para crear unha denominación de orixe que cada vez está máis preto de lograrse.
"Sempre é un reforzo ver que isto pode chegar a bo fin. Sobre todo para empresas como a nosa que recuperamos castes autóctonas e queremos fortalecer o sector."
Nos últimos anos estase a traballar para identificar todas as castes autóctonas que hai nesta zona e que poderían ser ata 12 contando as xa asentadas mansa e brava. O coñecemento que hai do aceite, a tradición de séculos e as características vencelladas ao territorio son argumentos suficientes para obter a denominación deste produto, que é moi diferente doutros aceites.
"Por exemplo unha arbequina non vai dar o mesmo aceite en Andalucía que aquí. Porque o clima e o terreo van influír no sabor e tamaño, pero tamén nos parámetros químicos e organolépticos. A denominación recoñece a influencia deses factores."
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria xa ten moi avanzado o expediente que vai presentar ante a Comisión Europea para que se conceda a denominación de orixe.