O accidente dunha nena nunha piscina de Cangas pon sobre a mesa a necesidade dunha ambulancia no concello
Javier Padín foi o axente da Policía Local de Cangas que chegou o primeiro ao lugar do afogamento. Eran as oito e media da tarde do mércores cando recibiu o aviso, e en menos de cinco minutos xa estaba a reanimar a nena de tres anos. "Comezo a practicarlle as primeiras compresións e vexo que expulsa algo de auga e vómito. Continuamos coa masaxe, non sei canto tempo puido ser. Ao pouco apareceu unha médica que se identifica como da unidade de pediatría e faise cargo", explica.
A súa rápida intervención foi chave para salvarlle a vida, pois a única ambulancia de Cangas non estaba dispoñible e tiveron que mobilizar unha de Bueu, que tardou en chegar 20 minutos, e outra de Vigo. "As ambulancias que tardaron un pouco porque a que ten base en Cangas estaba a facer un servizo e tivo que vir a ambulancia con base en Bueu e despois tamén veu a ambulancia medicalizada de Vigo", comenta.
O caso da nena, que se atopa grave, reforza máis se cabe a petición de moitos veciños de Cangas: a de contar cunha ambulancia máis para reforzar o servizo sanitario. Explican que unha non é suficiente para cubrir unha poboación de 26.000 persoas.
Unha ambulancia que se fai más necesaria nos meses de verán, nos que a poboación chega a triplicarse.