CRTVG

Buscar

A Xunta limita as reunións e nas zonas de maior risco restrinxe o acceso á hostalería

Publicado o 21/07/2021 13:20

• O acceso á hostalería requirirá proba negativa ou certificado de vacinación en concellos con restricións máis altas

• O Barco, Cambados, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Sanxenxo, Meaño e O Grove sitúanse no máximo nivel de restricións, e vinte e nove concellos estarán en nivel alto, entre eles Ourense, Vigo e Pontevedra

A Xunta restrinxirá as reunións tanto entre conviventes como entre non conviventes e pedirá proba negativa de covid−19 ou certificado de vacinación para entrar nos locais de hostalería en concellos que se atopen en nivel alto ou máximo.

A limitación das reunións será con carácter xeral de seis persoas no interior e de dez no exterior, ou como máximo dúas unidades de convivencia. Ademais os non conviventes non poderán reunirse entre a 1:00 e as 6:00 horas nos municipios con nivel máximo e alto de restricións.  

Pola súa banda, nos concellos en nivel medio e baixo, onde segue aberto o lecer nocturno, as reunións de non conviventes estarán prohibidas entre as 3:00 e as 6:00 horas

Así o anunciou o presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo tras a reunión do comité clínico, que decidiu elevar ao nivel máximo os concellos do Barco, Cambados, A Pobra, Boiro, Sanxenxo, Meaño e O Grove, e mais outros 29 ao nivel alto, entre eles as cidades de Ourense, Vigo e Pontevedra.

Acceso ao interior dos locais de hostalería

Nos concellos en situación de restricións altas ou máximas poderá abrir a hostalería tanto en interior como en exterior, aínda que se esixirá unha proba de resultado negativo, un certificado de vacinación ou de ter superada a enfermidade para acceder ao interior.

Isto supón que na práctica se relaxan as medidas para o sector da hostalería, xa que ata o de agora, por exemplo nos concellos en peor situación, debían botar o peche. Así, cambian os niveis de ocupación. Naquelas localidades de risco máximo serán dun 30 % nos interiores e de 50 % nas terrazas. Os certificados serán necesarios só para poder consumir dentro do bar ou do restaurante.

Naqueles concellos en nivel alto, as limitacións serán dun 50 % no interior e dun 50 % nas terrazas, e o certificado para acceder tamén será preciso cando se ocupen mesas dentro do local.

Nas vilas en situación de risco medio a ocupación tamén será dun 50 % no interior e dun 50 % no exterior e nas de risco medio-baixo dun 50 % no interior e dun 100 % no exterior, aínda que nestes casos non será preciso o certificado para pode estar dentro dos locais.

Na situación actual a Xunta tamén optou por eliminar as restricións de peches perimetrais que se viñan aplicando naquelas localidades que estaban en situación de risco máximo.

Daquela, a distribución das restricións queda da seguinte maneira:

Sete concellos en situación de risco máximo: O Barco, Cambados, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Sanxenxo, Meaño e O Grove.

Vinte e nove concellos en situación de risco altoOurense, Avión, Barbadás, O Carballiño, Porto do Son, Carballo, Fisterra, Oleiros, Vimianzo, Arzúa, Ribeira, Melide, Burela, Viveiro, Cervo, Foz, Ribadeo, A Illa de Arousa, Vilagarcía, Vilanova, Marín, Poio, Pontevedra, Vigo, Baiona, Gondomar, Nigrán, O Rosal e Tomiño.

E 38 en nivel medio: Beariz, Entrimo, Boborás, Maceda, O Pereiro de Aguiar, San Cibrao, Ribadavia, Vilamartin de Valdeorras, Sarria, Mondoñedo, Lugo, Vilalba, A Coruña, Culleredo, Cambre, Sada, Ames, Muros, Noia, Oroso, Santiago, Silleda, Teo, Pontecesures, Fene, Ferrol, Mugardos, Meis, Ribadumia, Caldas de Reis, Redondela, Bueu, Ponte Caldelas, A Guarda, Moaña, Mos, O Porriño e Tui.

Ademais, Núñez Feijóo anunciou que se adianta á semana que vén a vacinación dos menores de 30 anos, que estaba prevista para o 9 de agosto.

Noticias web

21/07/2021