CRTVG

Buscar

O 99% das mortes por covid en Galicia foron en maiores de 50 anos

Publicado o 28/05/2021 20:46
O 99% das mortes por covid en Galicia foron en maiores de 50 anos
EFE

Un estudo das universidades de Santiago e Vigo estableceu que durante o primeiro ano de pandemia o 99 % das mortes por covid-19 producíronse en persoas maiores de 50 anos e máis do 70 % eran maiores de 80 anos a pesar de representar menos do 9 % da poboación galega, informa a USC.

Ademais, co avance da pandemia e a xeneralización de probas PCR entre a poboación, a porcentaxe de casos detectados por grupo de idade é moi semellante practicamente en todos eles. Estas son algunhas das conclusións recollidas nun traballo realizado por investigadores da USC, UVigo e do Sergas no que se analizan os datos dun ano de pandemia en Galicia.

O traballo foi publicado na revista International Journal of Environmental Research and Public Health co título ‘ One year of the covid-19 pandemic in Galicia: a global view of age-group statistics during three waves’. Está asinado polo catedrático de Análise Matemática da USC Juan José Nieto, xunto aos profesores da UVigo Iván Area e Henrique Lorenzo, así como por Pedro J. Marcos do Sergas.

Nel analízanse os datos de persoas falecidas e contaxiadas e de ingresos en hospital e en unidades de coidados intensivos por grupos de idade e en distintos momentos da pandemia. Os investigadores sinalan que nun ano de pandemia case o 71 % das persoas falecidas era maiores de 80 anos. Ademais, o 19 % estaba no grupo de idade de 70-79; algo máis do 6% no grupo de 60-69 e un pouco menos do 3 % no grupo de 50-59 anos de idade.

Deste xeito, máis do 99 % das mortes producíronse en persoas maiores de 50 anos. A porcentaxe de persoas falecidas respecto ao total de mortes, recóllese no estudo, decrece a medida que vai avanzando a campaña de vacinación nas persoas maiores de 80 anos. Das 10.836 persoas maiores de 80 anos que padeceron a doenza, os autores do traballo sinalan que 1.643 delas morreron. “É dicir, morreu máis dun 15 % das persoas maiores de 80 anos que enfermaron”, afirman.

Os investigadores tamén subliñan que “resulta moi importante destacar que o máximo diario de persoas falecidas na primeira e na terceira onda teñen valores moi semellantes”. En canto a contaxios, detallan que na primeira onda os datos oficiais sobre a afectación nos grupos de idade de 0-9 e de 10-19 tiñan unhas porcentaxes do 0,84 % e 1,61 % dos casos, respectivamente, é dicir, algo máis do 2 % dos casos, cando estes grupos representan case o 16 % da poboación.

Con todo, indican, desde o 1 de xaneiro de 2021 obsérvase que no grupo de 0-9 recolléronse o 7,93 % dos casos —cando representan o 7,30 % da poboación galega— e no grupo de 10-19 o 9,99 % dos casos, cando representan o 8,50% da poboación.

Por outra banda, aseguran que máis do 72 % das hospitalizacións corresponderon a persoas maiores de 60 anos. Esa porcentaxe foi superior durante a primeira onda, xa que o grupo de persoas maiores de 60 anos foi algo máis do 76,17 % das hospitalizacións. Aínda que na primeira onda houbo 315 persoas ingresadas, durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 1 de abril, o número de persoas que ingresaron nas UCIs galegas superou as 800.

Noticias web

28/05/2021