CRTVG

Buscar

O 8 de marzo botan a andar 'Os luns de Pardo Bazán'

Publicado o 04/03/2021 14:55
O 8 de marzo botan a andar 'Os luns de Pardo Bazán'

O Ministerio de Cultura vai lanzar o vindeiro 8 de marzo 'Os luns de Pardo Bazán' para homenaxear a escritora coruñesa no centenario da súa morte. É unha serie de seis capítulos nos que un grupo de especialistas falarán da autora e da súa obra.

A campaña pretende rememorar os encontros literarios que Emilia Pardo Bazán organizaba cada luns no salón da súa casa de Madrid. Alí xuntábanse escritores, artistas, políticos e aristócratas da época.

Os episodios, que se emitirán cada quince días, abordarán as diferentes facetas da escritora que destacou como novelista, ensaísta, crítica literaria, poeta, autora teatral, xornalista, correspondente, tradutora, editora, catedrática ou conferenciante.

A campaña estréase o Día Internacional da Muller cun monográfico sobre a súa postura feminista, o alcance do seu discurso contra a inxustiza, a súa loita pola igualdade de dereitos ou a denuncia contra a violencia de xénero.

Cada capítulo concluirá cunha invitación á lectura dunha das obras vinculada ao tema abordado. Emitirase os luns en Radio Nacional de España e logo quedará dispoñible a través da súa web en podcast.