CRTVG

Buscar

O 60 % dos 361 gromos teñen menos de dez casos asociados

Publicado o 28/07/2020 20:58

As autoridades sanitarias seguen emitindo unha mensaxe de tranquilidade e evitan falar dunha segunda vaga da pandemia. Insisten na importancia do cumprimento das medidas e restricións que se están tomando nos territorios máis afectados, como Cataluña, Aragón e Navarra, pero aseguran que a situación está baixo control e que a maioría dos gromos epidémicos teñen poucos positivos.

Cataluña segue sumando contaxios e dá un paso máis prohibindo os botellóns, que serán castigados con multas que irán dende 3.000 a 15.000 euros.

A segunda comunidade que máis preocupa, Aragón, rexistra 367 casos de coronavirus, o cal supón un descenso de 135 en 24 horas.

A Comunidade de Madrid restrinxe as reunións a dez persoas, adianta a hora de peche dos locais de ocio nocturno, que deberán facer un rexistro dos clientes para controlar posibles focos. Tamén impón o uso da máscara obrigatorio en espazos públicos.

Na veciña Euskadi, confinaron un edificio de vivendas de Hernani ao se confirmaren varios positivos entre os residentes que xa realizaron as probas PCR.

No Ministerio consideran axeitadas as medidas tomadas polas diferentes comunidades autónomas, pero só serán efectivas se logramos cumprilas. A mesma mensaxe espallan as comunidades autónomas.

En Navarra descenden os positivos case á metade nas últimas 24 horas, pero a Consellería de Sanidade advirte de que non se pode baixar a garda.

O Ministro de Sanidade incidiu en que durante a primeira metade do vindeiro ano poderían estar listas unha ou dúas vacinas. Ata daquela, a convivencia co virus será o único camiño, e o respecto ás restricións impostas nos ámbitos autonómicos e no conxunto de España.

Noticias web

28/07/2020